Sunday 28 de April de 2024

Malpica presenta a XVI edición do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’


• O tradicional concurso literario que organiza a concellería de Cultura e a Asociación Cultural Caldeirón contará este ano cun único premio en metálico de 1.500 euros.

O Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’ chega este ano á súa XVI edición de man da concellería de Cultura do Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. O galardón deste ano constará da publicación da 1ª edición da obra gañadora e dun premio en metálico de 1.500 euros.

Este mércores presentáronse as bases do concurso nun acto na Casa do Concello no que participaron o alcalde, Walter Pardo, a concelleira de Cultura, Leticia Naya, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, poderán optar ó premio todas aquelas autoras e autores que presenten un libro inédito de temática erótica en galego e que non recibira galardóns previamente. Os textos deberán enviarse en formato PDF ó correo electrónico premio@caldeiron.org ata a medianoite do 19 de setembro do 2021.

O galardón componse dun premio en metálico de 1.500 euros e a publicación da 1ª edición da obra na colección Illas Sisargas da Editorial Calderón, cunha tirada de 400 exemplares.

As bases do concurso están accesibles nas redes sociais municipais e na páxina web do Concello, www.concellomalpica.com.